Follis de Constancio II
Anverso: Busto cara á esquerda con coiraza e diadema de loureiro con ínfulas, coa lenda D N FL CONST[ANTIVS AVG].
Reverso: Estandarte flanqueado por dous soldados, coa lenda [GLORI]A EXERCITVS.
O follis era unha acuñación de bronce creada por Diocleciano na súa reforma monetaria do 294 e usada sobre todo como pequena moeda fraccionaria ata fins do Imperio no século V. No castro de Viladonga son moi numerosos os exemplares aparecidos pero ó lado dalgúns ben identificables no seu anverso e/ou reverso, como estes do emperador Constancio II (337-361), hai moitos outros que non permiten concretar nin o seu tipo nin a súa cronoloxía nin o emperador que as mandou acuñar.
É frecuente que estas moedas aparezan agrupadas ou acumuladas formando depósitos ou “tesouriños” con pezas de distintos momentos da etapa romana máis tardía.