Intervencións no castro

Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016

Desde o ano 1972, en que se inician as escavacións no castro de Viladonga, realizáronse periodicamente limpezas da vexetación e consolidacións puntuais das estruturas escavadas.

Despois duns anos de abandono, en 1982, en que se fai cargo Felipe Arias Vilas dos traballos arqueolóxicos (e pouco máis tarde tamén dos museísticos), procedeuse a unha limpeza e rozado xeral da vexetación e da maleza na croa e na muralla principal do castro. Consolidáronse os muros das construcións da croa, repoñendo as pedras caídas e cubrindo os muros con terróns de herba para fixar ben as fiadas superiores. Estas actuacións, que se fixeron habituais nas campañas de escavación posteriores, leváronse a cabo tamén naqueles anos en que non houbo escavación arqueolóxica.

A raíz do estudo realizado no ano 2007 por Benita Silva e o seu equipo do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, sobre os factores de deterioración do castro de Viladonga, planifícase a restauración integral das estruturas do castro, baseándose na existencia de graves alteracións da pedra e de derrubas ás veces considerables por mor da meteorización do material e do empuxe de terras e pedras. O proxecto prográmase para a súa execución en varias fases, de xeito que se poidan ir restaurando todas as estruturas do xacemento.

Os traballos consistiron na diagnose e documentación gráfica, na colocación de tubos para a consolidación con silicatos e para drenaxe, na reconstrución estrutural dos muros, diferenciándoa con pedriñas de cuarzo branco do propio sitio (o que se vén facendo desde 1983) e coroando as cabeceiras cunha protección de lousas adaptadas ó muro, sempre con carácter reversible. Nas reconstrucións estruturais empregáronse varios tons de argamasa segundo os diversos tipos utilizados orixinariamente.

No ano 2009, despois de acabada a escavación arqueolóxica, procedeuse á consolidación dos muros caídos, desmontándoos na medida precisa e repoñéndoos segundo o sistema habitual seguido nos últimos anos neste asentamento, é dicir, usando maiormente a mesma pedra da derruba e aglutinándoa cunha argamasa arxilosa similar á orixinal, marcando con pedriñas de cuarzo a separación entre a parte orixinal e a restaurada, para logo cubrir a cabeza dos muros con lousas que os protexan das inclemencias meteorolóxicas e das posibles agresións e incidencias producidas polas continuas visitas ao castro. Remátase a consolidación coa colocación de terróns de herba cortados ad hoc para unha mellor integración patrimonial e mesmo ecolóxica de toda a intervención.

A campaña do ano 2010 centrouse tanto na entrada principal como en catro barrios ou conxuntos construídos no centro e no norte deste asentamento. En todos estes espazos seguiuse o sistema de consolidación xa anteriormente descrito, pero é importante sinalar ademais que estes traballos permitiron coñecer mellor a disposición dalgúns muros de construcións apegadas, así como definir espazos complementarios ou mesmo pequenas estruturas ata agora non ben determinadas.

A partir do ano 2012 proseguen estes traballos de restauración e consolidación cofinanciados polos fondos europeos FEDER e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no marco do proxecto Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), coa finalidade de garantir a súa conservación ao tratarse dun ben patrimonial declarado Ben de Interese Cultural.

No ano 2016 faise cargo da restauración a empresa Terra Arqueos, S.L. que aporta un criterio de intervención experimentado con éxito noutros xacementos similares. Cóbrese a cabeceira dos muros cunha ou varias fiadas de sacrificio a base de lousa e xisto e cun morteiro resistente en exteriores o que fai innecesaria a colocación das lousas e terróns de protección empregados ata agora. Esta solución mellora a lectura das diferentes fases construtivas.

 

Situación

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional