Historia das escavacións

 

Escavacións 1971-1978

En 1971 Chamoso Lamas empezou escavando o cuadrante NO da croa, onde se descobren restos de construcións de planta circular e cadrada. O material recollido xa parecía marcar a pauta do asentamento, abundando o de época romana.

En 1972 a escavación chegou á parte central da croa, onde as construcións predominantes son de planta cuadrangular e dispostas con certa organización entre elas. Continuou o achado de abundante cerámica de distintos tipos (entre eles, sigillata hispánica), machados de pedra puída, obxectos de bronce, dúas moedas de ouro de Arcadio (ademais de denarios de prata e semisses de bronce tardíos), contas de malaquita, e dous achados senlleiros: o machado de talón de bronce con catro anelas e un torques case xemelgo do aparecido en 1911.

 


 

Desde o ano 1975 ata o 1978, os traballos arqueolóxicos consistiron fundamentalmente no peneirado da terra procedente das anteriores campañas de escavación, aínda que tamén se habilitaron algúns accesos á muralla. Entre os achados cómpre destacar un puñal de antenas e un taboleiro de xogo en pedra (tabula latrunculata).

 


Subir

 

Escavacións 1982-1992

Desde o ano 1982, os traballos arqueolóxicos no castro de Viladonga diríxeos Felipe Arias Vilas. Nese ano fixéronse traballos de limpeza da croa e as murallas do castro, así como unha revisión e clasificación global dos materiais procedentes das escavacións dos anos setenta.

No ano 1983 escaváronse os muros testemuño de terra deixados por Chamoso Lamas, ampliándose a área escavada nalgunhas zonas e afondando noutras ata chegar ao solo natural para esgotar os niveis arqueoloxicamente fértiles. Isto permitiu aclarar moitos aspectos da ordenación interior do castro (deixando ver as “rúas” ou zonas de paso), así como das características das súas construcións, algo que ademais quedaría realzado coa nova limpeza e consolidación das áreas que o precisaban. Seguiron producíndose moitos e moi diversos achados, en xeral similares aos de anos anteriores.

En 1984 escavouse o ángulo NL do recinto intramuros ou croa, ata chegar ao solo ou rocha natural, o que permitiu descubrir varios pisos sucesivos nalgunhas vivendas, aínda que correspondentes ao mesmo nivel e momento cultural galaico-romano. Ademais dos traballos de limpeza e rozado do xacemento, iniciáronse os traballos de prospección arqueolóxica na comarca circundante e renovouse todo o levantamento topográfico do sitio.

 

 

Por mor da concentración de esforzos e recursos na instalación e posta en marcha do museo, ata 1988 (con continuidade en 1989) non se retomaron as escavacións, que ofreceron novos aspectos e importantes informacións. Fíxose un corte transversal nas murallas e fosos do lado leste, para definir a continuidade do asentamento e a disposición e estrutura daquel sistema defensivo. Comprobouse a gran variabilidade do conxunto das defensas do castro nesta área oriental e documentouse a existencia de, polo menos, dous niveis sucesivos, moi seguidos e anteriores (pero probablemente en pouco tempo) á construción do sistema defensivo conservado ata hoxe. É moi probable que o máis antigo destes niveis se poida poñer en relación coa ocupación de época prerromana localizada posteriormente no ángulo NL da croa.

O material aparecido foi moi semellante en case toda a área e niveis escavados neste corte transversal (cerámica de tradición castrexa, bronces e escouras de ferro, anacos de pallabarro con improntas...), agás na parte correspondente ao interior da croa, onde existía material claramente galaico-romano como tégulas e fíbulas en omega. Esta certa diferenciación de material pode deberse tanto a momentos distintos na ocupación de toda esta área, como (e probablemente) a unha matización cualitativa e/ou específica dos seus ocupantes.

No ano 1990 fíxose unha escavación previa ás obras de ampliación do edificio do museo, nunha terraza do castro polo seu lado SL. Non se documentou ningún tipo de estruturas, pero si apareceron sinais de dous camiños antigos e case paralelos, sendo sen dúbida o máis profundo deles de época galaico-romana. O material aparecido foi máis ben escaso, sobre todo tendo en conta a gran cantidade de terra removida, pero algún achado foi singular e significativo (como un regatón de vaíña de puñal en bronce).

 

 

En 1992 levouse a cabo a escavación dos muros testemuño deixados na campaña de 1984 no ángulo NL da croa, o que permitiu comprobar, no lado norte e case pegado á muralla, a existencia dun nivel de ocupación claramente anterior ao hábitat e ás defensas principais (de época tardía) do castro. Documentouse incluso a presenza de restos de muros e dalgunha lareira por baixo dos que hoxe son visibles na croa, acompañados por algunhas mostras de cerámica castrexa moi esnaquizada e anacos ou pezas de bronce, ás veces informes e en mal estado de conservación.

Ampliouse tamén neste ano 1992 unha cata realizada nos anos setenta no antecastro do lado oeste, e nela descubriuse a existencia de dúas estruturas ou grandes muros que flanquean un camiño de acceso á croa por esta parte.

Subir

 

Escavacións a partir de 1996

No ano 1996 é cando a execución dos traballos arqueolóxicos acométense por primeira vez con persoal técnico alleo ao museo, algo que se ven facendo de xeito habitual desde entón ata agora.

Na campaña de 1996, a empresa Terra-Arqueos S.L. foi a encargada de levar a cabo a escavación centrándose en dous sectores: por un lado, na ampliación da área escavada no antecastro oeste no ano 1992, e por outro, na continuación dos traballos na croa, no seu ángulo SO (fronte á entrada principal), así como nos pertinentes labores de consolidación e limpeza.

O descubrimento máis significativo desta campaña foi comprobar a utilización do antecastro, polo menos parcialmente, como zona de habitación, coa localización, ademais, dun silo agrícola circular delimitado por un círculo de pedras, revestido de arxila no seu interior e coa presenza dalgunhas sementes de cereais, así como a aparición de pezas de cerámica, ferro e bronce.

No sector da croa constatouse a existencia de dúas rúas que parten desde a entrada ao recinto e en torno ás que se articulan as construcións. Exhumouse, só a nivel da súa cimentación, unha construción completa de pequeno tamaño pero cun pórtico dianteiro. Os materiais máis abundantes foron os cerámicos, castrexos e galaico-romanos, ademais dalgúns útiles de pedra e de metal.

 

 

Aínda que os labores de limpeza e consolidación puntual foron e son permanentes e habituais, ata 2003 non se volveron facer escavacións arqueolóxicas no castro, de novo na entrada á croa e no antecastro oeste para ampliar a información sobre estas zonas. Estes traballos, executados pola empresa AXA Arqueoloxía, permitiron definir o camiño leste de entrada á croa, coa exhumación do paramento interior da muralla e os seus bancos de cimentación e dos seus bastións ou muros de protección laterais. No antecastro, a ampliación dos traballos feitos en anos anteriores permitiu descubrir unha estrutura alongada con furados identificados como silos de cereal e outra cunha área con restos de carbóns. Tamén apareceu unha curiosa estrutura de funcionalidade indeterminada ata agora, con dous estreitos vans e no seu interior, a eixo con estes, dous grandes bloques de seixo branco ben asentados in situ.

 

 

Nas campañas dos anos seguintes, 2006 a 2009, continuáronse os traballos (a cargo da empresa AXA Arqueoloxía) na entrada principal, no barrio leste da croa e, en menor medida, no antecastro oeste. Neste último completouse o coñecemento sobre algúns aspectos particulares das construcións exhumadas en anos anteriores. No sector do acceso leste ao castro foi posible completar e documentar un corredor arquitectónico monumental, recuperándose, en forma de rozas verticais nos paramentos da muralla, a pegada da porta que pechaba o paso ao interior do recinto, así como unha estrutura que deu un interesante conxunto de materiais como restos dun colgante en ouro, un alfinete en bronce e moitas moedas de bronce tardorromanas. Nesta campaña desenvolveuse o primeiro campo de traballo no que participaron persoas novas de varias comunidades autónomas.

En 2007 definiuse a entrada á croa a partir do primeiro foso, entrando sobre a cota do empedrado orixinal entre os grandes paramentos da muralla. Nestes apareceron unhas segundas rozas verticais e, no centro do camiño á altura destas, atopouse unha pedra circular de granito cun rebaixe lonxitudinal pertencente ao sistema de peche desta primeira porta. Nesta campaña tamén se contou coa colaboración dun campo de traballo internacional no que participaron mozos e mozas de diferentes comunidades españolas e doutros países.

 

 

Asemade, elaborouse unha nova planimetría do castro con coordenadas UTM e recollendo os resultados das escavacións dos últimos anos, así como un levantamento infográfico do conxunto.

No ano 2008 continuaron os traballos no camiño de acceso dende o primeiro foso ata a croa, así como na parte interior do recinto a ambos lados da entrada polas roldas leste e sur. Nesta completouse a exhumación do lousado orixinal do camiño que está flanqueado á esquerda por un novo barrio, escavándose unha nova estrutura de habitación.

 

 

En 2009 fixéronse traballos de escavación arqueolóxica puntual nas traseiras das construcións aparecidas entre 2006 e 2008, en parte para acabar de definir a súa estrutura e disposición e en parte porque tales muros estaban moi desfeitos por terse producido sobre eles a derruba da muralla sur do castro e ameazaban a súa ruína total. Nesta escavación descubriuse un pavimento de barro pisado de boa calidade, anterior á feitura da gabia de cimentación daqueles muros e sobre o que caera posteriormente o paramento interior da muralla principal.

Desde 2012 no marco do proxecto Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), cofinanciado polos fondos europeos FEDER e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, os esforzos centráronse na consolidación e restauración das estruturas do castro para o que se requiriu o control arqueolóxico dos traballos, con escavacións puntuais asociadas á devandita consolidación sen afondar na escavación e sen esgotar os niveis arqueolóxicos. A empresa encargada foi BIC, Materiales y Conservación, S.L.

En 2016 retómanse os traballos de escavación arqueolóxica encamiñados á mellora do acceso na parte oeste da croa e continúase a escavación asociada á consolidación de estruturas xa escavadas neste sector oeste e na parte central da croa. A empresa encargada é Terra Arqueos, S.L.

 

Subir

 

No ano 2017 acometeuse unha nova campaña de escavación, acondicionamento e consolidación, levada a cabo de novo pola empresa Terra Arqueos, S.L.

Nesta campaña interveuse na zona sur do Barrio 13 -na zona oeste do poboado-, no Espazo 15 -ó suroeste- e nun tramo da muralla ó oeste.

O sector 13B forma parte dun conxunto maior, o chamado Barrio 13, que se atopa preto da porta oeste. A intervención neste sector (de case 300 m2) corresponde máis a unha limpeza e re-escavación dos restos que a unha escavación propiamente dita xa que, durante o desenvolvemento dos traballos, púidose comprobar que os niveis arqueolóxicos estaban practicamente esgotados na súa maioría. En boa parte dos sectores que se abordaron nesta campaña comprobouse que dita sobre-escavación dos niveis de ocupación e cimentación deixou moitas das estruturas murarias colgadas, circunstancia que incrementou o deterioro a medida que foi pasando o tempo.

Nesta ocasión, non se atoparon neste sector restos de elementos como lareiras ou pavimentos, pero as estruturas fálannos dunha uniformidade clara con respecto ó urbanismo desta área. As vivendas adáptanse á topografía e ós afloramentos pero respectando o paso comunitario que significa a rolda interior da muralla e o acceso cara á porta. Este feito obsérvase na continuidade da liña de fachada das construcións cara á rolda, que segue no sector sur.

A zona definida como Sector 15 é a que maior superficie abarca nesta intervención cun total de 750 m2. É un dos sectores máis erosionados do castro. Durante o desenvolvemento dos traballos, igual que no Sector 13, púidose comprobar que os niveles arqueolóxicos estaban practicamente esgotados na súa maior parte. Do mesmo modo, comprobouse unha sobre-escavación dos niveis de ocupación que leva consigo problemas estruturais e de conservación derivados de deixar á intemperie a cimentación das construcións.

No barrio 15 encontramos unha diferente localización das vivendas en relación á súa topografía e á súa cota. Na zona da plataforma superior rochosa do castro as construcións están colocadas sobre os propios afloramentos rochosos e teñen menor alzado conservado. Esta zona foi sobre-escavada quedando moitos muros no aire por debaixo do zócolo.

Como resultado das escavacións ex novo, nesta zona recuperouse unha vivenda completa ben delimitada. Tanto no extremo sur coma no norte atópanse dúas zonas de paso; pola súa parte oeste atópase a rolda (aínda sen descubrir) e, polo leste, construcións a maior cota situadas sobre un afloramento que serve de cimentación.

Unha vez abandonada, esta vivenda non foi moi alterada no seu interior o que permitiu que se conservaran restos de carbón e pesas (quizais restos dun tear) e elementos como tres asas de caldeiro de bronce xunto a unha de ferro ou unha fouce. O derrube do teito da vivenda debeu de ser bastante rápido despois do seu abandono e pode ser que sufrira un incendio que colapsara a estrutura.

Respecto á zona da muralla, a intervención deste ano continúa a recuperación do tramo NO, sito ó sur do intervido o ano anterior, nunha zona moi deteriorada. Nesta campaña púidose  documentar a existencia dunhas escaleiras inutilizadas na segunda ocupación do poboado e localizadas na parte baixa do lenzo da muralla. Esta estrutura deixou de utilizarse na segunda fase do castro, nun momento que coincide coa construción das vivendas que ocupan a rolda, aliñándose por diante da muralla e tapando a antiga escaleira.

En relación á cronoloxía dos niveis de ocupación do xacemento no sector escavado esta campaña, só se pode falar con maior precisión do último momento. Respecto ós momentos anteriores á ocupación inicial non se poden precisar as cronoloxías. Neste sentido hai que destacar que a data conseguida da mostra de carbón (rama de quercus de catro años) enviada ó laboratorio de radio-carbono, deu uns resultados que remiten á ocupación máis antiga do barrio 13 no século II-III a. C. (VD.16.E80D 2150 ± 30 BP). Estas datas están en consonancia con outras obtidas neste xacemento.

Nesta campaña atopouse tamén unha moeda no nivel que colmataba a zona onde se escavou a vivenda no sector 15; é da época d emperador Magnencio que unicamente estivo no poder entre o 350 e o 353.

Algunhas fotos desta campaña pódense consultar no apartado Multimedia>Galería Fotográfica>O Castro de Viladonga 

 

Nas intervencións realizadas nos anos 2018-2020 (campañas promovidas e financiadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través dos Fondos Feder e desenvolvidas pola empresa Terra Arqueos), os traballos centráronse, por un lado, na sondaxe aberta nos anos 80 no exterior da croa co propósito de caracterizar e restituír os elementos defensivos e, por outra banda, nos elementos sitos ó NE da croa, no sector 14, onde apareceu unha gran estrutura monumental que se corresponde cun alxibe e restos de varias estancias e un empedrado que discorre cara á entrada do castro, sinalando con claridade a existencia dun nivel de pavimentación ó exterior das estruturas; este amplo sector dividiuse en varios espazos para facilitar o rexistro. Os máis importantes de cara á descrición dos traballos realizados son o E50 (que se refire á gran casa alongada) e o E89, que se corresponde co alxibe, a  vivenda circular, denominada E100, e tres espazos de habitación asociados: E-105, E-106 e E-107.

Os elementos defensivos.
En 1989 realizouse unha gran gabia ou corte transversal ás murallas e fosos do lado leste, partindo desde o interior da mesma croa, co fin de comprobar a estrutura e disposición do sistema defensivo do castro. Nesta campaña limpouse a zona, reconstruíuse o parapeto e volvéronse perfilar os cortes para mellorar o estado de conservación de todo o sector exterior. As estruturas atopadas durante a escavación da segunda muralla reflicten a existencia de dúas fases construtivas e a limpeza e posta en valor permiten visualizar a complexa trama de muros, accesos, escaleiras, torreóns, etc., espazos únicos no contexto castrexo do noroeste que antes quedaban agochados. Os fosos descubertos son parte da topografía e da arquitectura defensiva do xacemento e, en consecuencia, quedaron visibles e visitables despois da súa escavación e limpeza.

Respecto á muralla, no interior da croa ó longo destes últimos anos descubríronse tres tramos de escaleiras con distintos graos de conservación que foron postos en valor e que ofrecen unha nova visión da muralla orixinal. Os sucesivos tramos de escaleiras reflicten que existiu na distribución primixenia do poboado unha ronda interior no recinto central que posteriormente foi ocupada pola construción de novas vivendas.

Sector 14.
No sector máis ó norte, E89, as intervencións previas detectaron o que se supoñía parte dunha vivenda circular que se atopaba baleirada só parcialmente. Deseguida albiscouse que a estrutura non se correspondía tipolóxica nin estruturalmente con ningunha outra construción existente en todo o castro. Unha vez que se conseguiu delimitar a zona de actuación de forma segura para a conservación dos propios restos e para o visitante quedou claro que se trataba dun alxibe. A súa profundidade máxima alcanza os 4 metros contados desde a cota do chan orixinal. As dimensións da fosa escavada na rocha superan os 14,60 m² e preto de dous metros de profundidade, mentres que na zona superior, onde os muros se constrúen recuados da vertical, chéganse a superar os 58 m² de superficie. Os muros de contención de fábrica superan os dous metros de grosor en zonas de reforzo.

Durante os traballos de desentullo e limpeza na E89, apareceron os restos dunha estrutura circular de 4,70 m de diámetro. A potencia máxima conservada supera 1,20 m de altura. A factura da fábrica é de gran calidade aproveitando unha veta de lousa homoxénea. Esta construción, E100, corresponde á última fase da edificación, xa que se documentou outra anterior totalmente achaiada ata o nivel de cimentación, que xa foi amortizada no seu momento. Previamente a estas dúas fases construtivas existe aínda outra anterior, da que quedan escasos restos por tratarse dunha estrutura vexetal. Os restos de laxas fincadas nas gabias de cimentación da cabana delatan a súa presenza, debuxando unha planta excéntrica en relación ás outras. A morfoloxía da gabia é case paralela á da cabana é conten materiais diferentes, de tipoloxía exclusivamente castrexa asociados a algúns elementos de bronce. Esta fase máis antiga sería contemporánea da documentada baixo os niveis da cabana do Espazo 50, que reflicte tamén a existencia dun nivel de estruturas vexetais. Na zona oeste da E100 (espazo 100B), documentáronse os restos dun empedrado que constitúe o último chan de ocupación ou nivel de habitación antes do abandono do poboado. O empedrado recuperado discorre cara á entrada en paralelo á muralla, superando os 15 m e sinalando con claridade a existencia, aínda que hoxe perdida, dun nivel de pavimentación na zona que probablemente se estendese por outras zonas do xacemento.

A escavación deste sector sito ó sur do alxibe permitiu recuperar tres espazos de habitación asociados á casa circular E-100. Estas dependencias colócanse case arrimadas ó paramento interior da muralla de xeito que apenas quedou entre elas e a muralla un estreito calello. Nunha primeira fase constrúese a E-105 que se atopa arrimada á vivenda circular; nunha segunda operación realízanse as dúas dependencias seguintes (construcións E-106 e E-107 respectivamente), de xeito que as estancias forman un grupo de vivendas co muro de fachada aliñado, onde abren todos os accesos que van dar á rúa pavimentada utilizada ata o derradeiro momento de ocupación.

As dependencias sufriron unha fase de abandono e derrube e foron reocupadas de novo nunha derradeira etapa que aproveitou algúns espazos, mentres que outros, como a dependencia E-106, non volveron utilizarse. Ademais destas reocupacións tardías, a escavación arqueolóxica neste sector puido documentar restos de fases anteriores á construción destas dependencias así como unha zona de paso empedrada por baixo da rúa descuberta, asociada ás estancias 100, 105, 106 e 107. A superposición destas rúas confirma a existencia destas dúas fases construtivas principais.

O obxectivo principal da intervención en E50 era analizar desde un punto de vista arqueolóxico e construtivo a planta desa estancia. Realizouse un raspado manual de toda a superficie para tratar de localizar os restos dos niveis de habitación conservados aparecendo os restos de varias estruturas feitas en material perecedoiro. A máis importante era a planta dunha cabana cun oco de poste central que se compón dunha gabia perimetral que se escava no terreo para aloxar os postes onde trabar as estruturas horizontais. A cabana circular ten 4,2 metros de diámetro e posúe un burato central para o poste e a suxeición do teitado vexetal. Esta cabana atópase asociada a unha serie de estruturas que reflicten o uso intenso deste espazo nesta fase máis antiga de ocupación, con aliñamentos de pedras e buratos de poste de diversa forma e entidade. Este tipo de estruturas documentáronse tamén no espazo E100A e forman parte, presuntamente, do primeiro nivel de ocupación existente no xacemento.

As datacións obtidas confirman que os niveis con cabanas vexetais do espazo E-50 e do espazo E-100 asócianse á fase máis antiga do castro así como tamén o alxibe, que pertence a esta primeira fase de ocupación do poboado. En definitiva, as sucesivas ocupacións e transformacións documentadas no castro de Viladonga reflicten o uso do poboado dende o século IV-III a.C., ata o século IV-V d.C. o que o converte nun conxunto arqueolóxico de vital importancia para comprender os procesos de transformación da paisaxe e as comunidades deste territorio dende a II Idade do Ferro ata os albores da alta Idade Media.

 

 

Situación

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional