Patrimonio inmaterial

O patrimonio cultural, como sinala a Unesco, “non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas, herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes como tradicións orais, artes do espectáculo, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativas á natureza e ao universo e saberes e técnicas vinculadas á artesanía tradicional”. Partindo desta idea, o Museo do Castro de Viladonga, considerando que o patrimonio cultural (arqueolóxico), natural e inmaterial debe ser conxuntamente estudado, conservado e difundido, iniciou un proxecto de recollida da tradición oral asociada ao Castro de Viladonga e a súa contona.
Os primeiros estudos vinculados ao patrimonio inmaterial do Castro de Viladonga foron realizados nos anos 1974 e 1977 por Felipe Senén López Gómez e publicados nas Actas do XV Congreso Nacional de Arqueología, celebrado en Lugo no ano 1977. Actualmente estanse a realizar traballos de campo que complementan aquel e cos que se está a acadar importante información.
Lenda dos cabalos dos mouros
“No castro había unha cova, como unha mina e dende alí un camiño por baixo da terra por onde os mouros levaban aos seus cabalos a beber ata o río da Pena en Couto de A” (Edelmiro García Pérez).