XORNADA EXPERIMENTAL DE CONSTRUCIÓN DUN FORNO PARA REDUCIÓN DE MINERAL DE FERRO

Xornada experimental de construción dun forno para redución de mineral de ferro.
Ao longo das múltiples campañas de escavación, no castro de Viladonga documentáronse restos materiais que indican a realización de actividades metalúrxicas. Algunhas destas evidencian o traballo do ferro, pero non só o relacionado coa forxa e elaboración de útiles, senón que tamén parecen indicar a presenza de actividade siderúrxica no castro, é dicir, a extracción de ferro do mineral.
Unha forma de abordar este tipo de evidencias é a da arqueoloxía experimental. Esta disciplina non se limita a estudar os restos materiais, senón que procura entender as actividades humanas e os procesos técnicos que os produciron.
Deste xeito, durante a vindeira fin de semana, realizaremos unhas xornadas experimentais nas que procuraremos obter información sobre este proceso metalúrxico, para intentar comprender mellor como se producía o ferro e que evidencias pode deixar nun xacemento arqueolóxico. Ademais, estas xornadas teñen un cariz divulgativo, polo que serán abertas ao público.
Venres 6: construción do forno e preparación do mineral.
Sábado 7: acendido do forno e execución do experimento.
A partir das 10:00h.



