O Castro de Viladonga na Vía Rexia do norte

Rematado o estudo e o traballo de campo que permitiu documentar e delimitar unha gran parte da traza orixinal da denominada Vía Rexia do norte, os concellos por onde descorre a vía, así como a Deputación Provincial, comprometéronse, na última reunión celebrada en Riotorto e na que participou o Museo do Castro de Viladonga, a facer a roza e a limpeza do camiño así como a elaborar a cartografía, a sinalización e a difusión da mesma. Trátase dun camiño esquecido que viña de Asturias polos concellos de Vegadeo e San Tirso de Abres, pola beira do río Eo, ata entrar en Galicia pola Pontenova, continúa por Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, Castro de Rei e Lugo, onde se unía co Camiño Primitivo antes da entrada á cidade de Lugo. Curiosamente, é o único camiño de todas as rutas alternativas xacobeas do Norte, que non obtivo un recoñecemento oficial nin a debida protección xurídica, quedando á marxe dos beneficios que lle suporían estar incluído na distinción como Patrimonio Mundial, efectuada pola Unesco para os demais camiños.



