Machadiña

Castro de Viladonga
18 de Xuño de 2020

As últimas campañas de escavación que se veñen desenvolvendo no Castro de Viladonga -financiadas pola Xunta de Galicia a través dos fondos europeos de desenvolvemento rexional (FEDER) e executadas pola empresa Terra Arqueos-, están aportando relevantes achados que van perfilando a existencia dunha importante fase de ocupación correspondente ó final da cultura castrexa, na que se encadra a machadiña de bronce atopada sobre un dos chanzos finais da escaleira de acceso ó monumental alxibe descuberto en 2018. Trátase dun sector que se deixara sen escavar naquela campaña e no que tamén se atopou unha fíbula de longo traveseiro así como cerámica, carbóns e restos óseos

Esta machada únese ás descubertas na praia de A Basteira (en Cariño. Coruña), nas escavacións arqueolóxicas de Punta Atalaia (en Cervo. Lugo), no Monte da Trinidade (Vilamaior. Mondoñedo. Lugo) e a depositada no Museo de Pontevedra de suposta procedencia lalinense, así coma outras do norte de Portugal e do noroeste da meseta.

Trátase dunha peza en moi bo estado de conservación, de probable uso sacrificial, asociado a rituais de comensalidade e na que aparecen representados todos os elementos característicos deste tipo de obxectos: os animais rituais (carneiro, touro e xabaril), o torques, o caldeiro e a decoración de sogueado.

Ademais desta singular peza, as escavacións están sacando á luz restos que permiten confirmar un longo período de ocupación que abrangue dende o século IV- II a. C ata o V d. C.

É salientable a monumentalidade dos restos do alxibe e das construcións lindeiras, da rúa empedrada e da muralla, que sorprenden polas súas dimensións.

Situación

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional