Finalizan os campamentos de verán

O venres día 2 de setembro, cunha ruta polo patrimonio natural e cultural da Terra Chá, demos por finalizados os campamentos de verán que acolleron durante sete semanas a nenos e nenas da contorna en idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos.
O Campamento desenvolveuse na contorna do Museo e do Castro cunha inmersión no noso patrimonio. Durante todo o verán os diferentes grupos puideron facer talleres de arqueoloxía, de moenda, de cerámica, de tecido, de reciclaxe.... puideron coñecer a vexetación da bisbarra e puideron visitar centros de interese.
A actividade estivo dirixida por Cem, s.coop.galega e contou con múltiples colaboracións: “Kiko” membro do colectivo Xotramu (Xogo Tradicional de Muimenta) que lles amosou o Museo da Zoca, a antiga escola de Muimenta así como distintos xoguetes tradicionais, Yoani, técnica de turismo do Concello de Meira que soubo adaptar moi ben as visitas aos distintos grupos de idade, Pepa Lombao, moi boa gardadora da tradición oleira de Bonxe e excelente representante da importancia da muller neste oficio, Antón que fixo de guía na Casa de Manuel María, Daniel Caxigueiro que abriu as portas do Espazo Caritel, Nina que guiou ao grupo polo castro de Elviña, Montse que facilitou a visita ao Castelo de San Antón e Joaquín, o chofer que se encargou de recollelos e devolvelos e que se gañou o cariño de todos os grupos.
Os obradoiros foron organizados polo Museo do Castro de Viladonga e financiados polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España, a través do Programa Bibliotecas, Arquivos e Museos Corresponsables da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, coa finalidade de favorecer a conciliación familiar dentro dun enfoque de igualdade.




