21 DE MARZO. DÍA MUNDIAL DA POESÍA

 21 DE MARZO. DÍA MUNDIAL DA POESÍA
21 de Marzo de 2020

Hoxe, 21 de marzo, celébrase o Día Mundial da Poesía, un dos obxectivos deste día e “apoiar a diversidade lingüística e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas”. Na comarca galega da Terra Chá aúnanse, entre outras, dúas realidades patrimoniais, por un lado, a arqueolóxica quen ten como claro exemplo o castro de Viladonga e polo outro, a literaria na que temos que nomear como un dos seus principais representantes ao escritor chairego Manuel María Fernández Teixeiro. Nunha das súas obras, Versos do lume e do vagalume (1982), Manuel María incluíu un poema dedicado ao castro que aquí recordamos.

Pero, non só autores como Manuel María, ao que hoxe recordamos, se inspiraron no castro de Viladonga para animar a súa labor creadora, foron moitos outros os que se achegaron ata el e aos que recordan Felipe Arias Vilas e Manuel Cuba Rodríguez no artigo “Textos galegos de creación literaria sobre o castro de Viladonga” (Croa. Boletín do Museo do Castro de Viladonga, nº 27, ano 2017), o cal recomendámosvos ler.
https://viladonga.xunta.gal/…/croa_27._8._textos_galegos_de…

Unha aperta e quedade na casa.

Castro de Viladonga, aberto aos ventos,
ollando as vagas nubes fuxidías,
illote de altivez e de impotencia,
ergueito como o puño dun petrucio
na soidade sen fin da Terra Chá,
habitado por cobras e lagartos,
xestas, uces, toxos e carqueixas
nas que aniña, cecáis, a cotovía
e florecen, ufanos, os balocos:
estalos pra ninguén, festas de nada...

Castro de Viladonga, círculo máxico,
símbolo do Pai Sol e máis da Vida,
feito da mesma terra que o meu corpo,
arraigado no ser da miña tribo
como unha mao nobre e xenerosa
ou colo maternal, pois na Galiza
só hai feituras de colo ou mar aberta.
¿Pra quen, pra que, por que
tantísima tenrura derramada...?

Castro de Viladonga, montón breve
de vellas pedras nas que vive
o silencio, a ruína, a soedade:
imaxe xusta e fiel da miña patria.

#aculturasegue

 21 DE MARZO. DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Situación

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional