Remate ou conteira de vaíña
Consta dun corpo rectangular con dous buratos na parte superior (un deles cun pequeno cravo de remache), con dúas profundas escotaduras ou entrantes semicirculares na parte inferior e rematando en dous corpos cilíndricos transversais.
Esta peza, correspondente a unha vaíña ou funda (quizais de coiro) dun puñal ou espada curta ten unha forma peculiar, moi característica e relativamente frecuente en asentamentos castrexos galaicos e do occidente asturiano. Asóciase, como sucede no caso de Viladonga, ós puñais denominados ‘de antenas’, de vella tradición no noroeste pero presentes tamén en niveis galaico-romanos de varios castros.