Denarios de Augusto (27 a.C.-14 d.C.)
Anverso: Cabeza laureada mirando á dereita.
Reverso: Dúas figuras (os mozos Césares Caio e Lucio) de pé e de fronte con escudos e lanzas entre eles. No campo: simpulum e bastón de augur; con restos de gráfila de puntos no contorno da moeda. Estas acuñacións de Augusto, feitas en Lugdunum (Lyon) entre o 2 a.C. e o 4 d.C. en honra dos seus fillos adoptivos Caio e Lucio co apelativo de Césares, levan no anverso a lenda CAESAR AVGVSTVS [divi f ] PATER PATRIAE (“César Augusto fillo do divino, pai da patria”), e no reverso C CAESARES AVGVSTI F COS DESIG PRINC IUVENT (“Césares fillos de Augusto designados cónsules e príncipes da xuventude”).
Son de aparición relativamente frecuente en contextos romanos do noroeste (en Viladonga acháronse 5 exemplares ata agora) e deberon de ter unha certa supervivencia dado o seu valor monetario e metálico.