Ánfora de base plana. Cerámica Común Romana
De pasta e superficie de cor ocre crema, foi feita a torno ou roda. Presenta dúas asas de sección plana e o bordo da boca é exvasado cara a fóra; ten unha sinxela decoración de tres leves acanaladuras no ombreiro.
Os anacos aparecidos desta peza permitiron a súa reconstrución completa incluídas as dúas asas, cunha altura total de 42 cm entre a boca e a base plana. É un bo exemplo de recipientes destinados ó depósito de auga, gran, áridos ou produtos similares, como complemento das grandes ánforas romanas de base apuntada usadas para o comercio do viño o aceite ou os produtos de salgado, que apenas están representadas no castro de Viladonga.