O Museo do Castro de Viladonga renova a súa imaxe: nova identidade visual, nova sinalización, nova páxina web e novos folletos informativos

Cartel de acceso a Viladonga
February 13, 2017

O Museo do Castro de Viladonga é unha institución cultural que cumpre un servizo público cuns sinais de identidade que proveñen tanto dos obxectos da súa colección asociados ao castro  -un xacemento visitable- como da sociedade para a que se conservan. Como centro de investigación este museo evolucionou co tempo e centrouse en poñer as coleccións ao alcance da sociedade. Por este motivo o museo realiza a difusión cultural a través de servizos de información e acollida, exposicións, actividades e servizos de documentación e información das súas coleccións.

Informar sobre o propio museo é o primeiro servizo para que o público acuda. Para conseguir o obxectivo dun maior achegamento do público ao museo do Castro de Viladonga, estanse levando a cabo diversas actuacións para mellorar os seus servizos de información e acollida de visitantes:  novas sinalizacións en estradas, a renovación da imaxe corporativa do museo, o deseño dunha nova páxina web do museo e a edición de folletos actualizados en diversos idiomas.

Novas sinalizacións en estradas

O conxunto arqueolóxico e museístico de Viladonga está emprazado nunha contorna rústica de prados e bosques, afastado das estradas principais, polo que a chegada de visitantes sempre se realiza en vehículos. Aínda que os modernos dispositivos e aplicacións  (GPS, Google maps...) facilitan a chegada dos visitantes ao castro e ao museo, é necesario orientar ao público que se achega polas estradas.

Por esta razón a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de instalar a finais do ano 2016 novos rótulos e frechas indicadoras nas estradas N-640 e LU-1101, que garanten a súa visibilidade e facilitan o acceso ás instalacións ao mesmo tempo que publicitan o museo. No 2017, continuarase coa sinalización nas estradas LU-115,  cruce da N-640-LU120 e na rotonda N-640-A6 e en Castro de Rei.

O impacto da nova sinalización fíxose notar no número de visitantes do último trimestre do pasado ano 2016 (un total de 3.992), o que supuxo un incremento do 26,5% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior.

Nova imaxe corporativa

Actualmente os museos renovan a súa imaxe corporativa para adecuarse aos novos tempos. Por este motivo o Museo do Castro de Viladonga acaba de estrear un novo logotipo que representa por si mesmo a institución: o binomio museo-castro, procurando a comunicación entre pasado e presente. Emprégase a letra M como representación do Museo e un círculo para o Castro. Como nexo de unión entrambos os dous, a liña (símbolo icónico que senta as bases para o resto da imaxe) é un camiño de ida e volta que facilita a interpretación do castro logo de visitar o museo, pero tamén á inversa, facendo dos dous elementos un conxunto inseparable.

Nova páxina web

O Museo está a traballar  tamén para presentar proximamente unha nova páxina web, onde se poderá atopar toda a información sobre  o Museo e o Castro, as novas, eventos e actividades que se desenvolvan. Con esta nova páxina, o Museo renova a súa imaxe para ir evolucionando cos tempos e presenta un novo deseño, de fácil navegación e intuitivo, moi visual e deseñado para que o usuario poda acceder facilmente ás informacións relativas ao Castro, á súa historia e escavacións, así como ao propio Museo, o seu traballo e á colección. Este novo sitio créase tamén coa nova tecnoloxía que permitirá aos usuarios navegar comodamente dende calquera dispositivo móbil, sexa teléfono ou tableta.

novo folleto do Museo do Castro de Viladonga, coa nova imaxe visual e textos e imaxes actualizados, xa está dispoñible en cinco idiomas: galego, castelán, francés, inglés e alemán.

Os visitantes poden adquirilo no propio museo, así como nas oficinas de información e turismo da provincia de Lugo e en gran parte das instalacións hostaleiras da cidade.

Trátase dun políptico-cartel que facilita ao visitante a lectura e comprensión do museo e do xacemento arqueolóxico. Inclúe información de horarios de apertura, situación e acceso, itinerario da visita ao xacemento, historia do museo e plano das instalacións, complementada con fotografías de pezas destacadas do museo.

Indicador de acceso a Viladonga
Imagotipo do museo
Composición do imagotipo sobre ou perfil do castro e ou museo
Cartel de acceso a Viladonga

Location

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional