Intervencións no castro

Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2012
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Traballos de conservación e restauración do ano 2016
Parapeto. Campaña 2019
Parapeto. Campaña 2020
Os elementos defensivos. 2020
Estruturas do Espazo 14. 2020
Espazo 89. 2020

Desde o ano 1972, en que se inician as escavacións no castro de Viladonga, realizáronse periodicamente limpezas da vexetación e consolidacións puntuais das estruturas escavadas.

Despois duns anos de abandono, en 1982, en que se fai cargo Felipe Arias Vilas dos traballos arqueolóxicos (e pouco máis tarde tamén dos museísticos), procedeuse a unha limpeza e rozado xeral da vexetación e da maleza na croa e na muralla principal do castro. Consolidáronse os muros das construcións da croa, repoñendo as pedras caídas e cubrindo os muros con terróns de herba para fixar ben as fiadas superiores. Estas actuacións, que se fixeron habituais nas campañas de escavación posteriores, leváronse a cabo tamén naqueles anos en que non houbo escavación arqueolóxica.

A raíz do estudo realizado no ano 2007 por Benita Silva e o seu equipo do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, sobre os factores de deterioración do castro de Viladonga, planifícase a restauración integral das estruturas do castro, baseándose na existencia de graves alteracións da pedra e de derrubas ás veces considerables por mor da meteorización do material e do empuxe de terras e pedras. O proxecto prográmase para a súa execución en varias fases, de xeito que se poidan ir restaurando todas as estruturas do xacemento.

Os traballos consistiron na diagnose e documentación gráfica, na colocación de tubos para a consolidación con silicatos e para drenaxe, na reconstrución estrutural dos muros, diferenciándoa con pedriñas de cuarzo branco do propio sitio (o que se vén facendo desde 1983) e coroando as cabeceiras cunha protección de lousas adaptadas ó muro, sempre con carácter reversible. Nas reconstrucións estruturais empregáronse varios tons de argamasa segundo os diversos tipos utilizados orixinariamente.

No ano 2009, despois de acabada a escavación arqueolóxica, procedeuse á consolidación dos muros caídos, desmontándoos na medida precisa e repoñéndoos segundo o sistema habitual seguido nos últimos anos neste asentamento, é dicir, usando maiormente a mesma pedra da derruba e aglutinándoa cunha argamasa arxilosa similar á orixinal, marcando con pedriñas de cuarzo a separación entre a parte orixinal e a restaurada, para logo cubrir a cabeza dos muros con lousas que os protexan das inclemencias meteorolóxicas e das posibles agresións e incidencias producidas polas continuas visitas ao castro. Remátase a consolidación coa colocación de terróns de herba cortados ad hoc para unha mellor integración patrimonial e mesmo ecolóxica de toda a intervención.

A campaña do ano 2010 centrouse tanto na entrada principal como en catro barrios ou conxuntos construídos no centro e no norte deste asentamento. En todos estes espazos seguiuse o sistema de consolidación xa anteriormente descrito, pero é importante sinalar ademais que estes traballos permitiron coñecer mellor a disposición dalgúns muros de construcións apegadas, así como definir espazos complementarios ou mesmo pequenas estruturas ata agora non ben determinadas.

A partir do ano 2012 proseguen estes traballos de restauración e consolidación cofinanciados polos fondos europeos FEDER e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no marco do proxecto Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), coa finalidade de garantir a súa conservación ao tratarse dun ben patrimonial declarado Ben de Interese Cultural.

No ano 2016 faise cargo da restauración a empresa Terra Arqueos, S.L. que aporta un criterio de intervención experimentado con éxito noutros xacementos similares. Cóbrese a cabeceira dos muros cunha ou varias fiadas de sacrificio a base de lousa e xisto e cun morteiro resistente en exteriores o que fai innecesaria a colocación das lousas e terróns de protección empregados ata agora. Esta solución mellora a lectura das diferentes fases construtivas.

A intervención de escavación, acondicionamento e consolidación realizada no castro de Viladonga no ano 2017, levada a cabo de novo pola empresa Terra Arqueos, S.L. continúa a política de conservación que se leva a cabo anualmente neste xacemento. En total fíxose unha intervención de re-escavación de case 1.200 m2 na que se inclúen zonas escavadas ex novo para solucionar problemas de conservación.

Un detalle a destacar da presente actuación é que combinou os traballos de escavación e restauración de xeito que a consolidación dos restos prodúcese inmediatamente despois dos traballos de escavación o que reduce ao mínimo o deterioro que se produce sobre os restos unha vez estes son sacados á luz.

Realizouse a intervención principalmente en tres zonas: o Barrio 13B; o Espazo 15, sur e oeste, e un tramo da muralla (definido como AE4).

Os traballos de consolidación e restauración quedaron claramente supeditados a dous factores, a interpretación arqueolóxica da distribución das diferentes estruturas e vivendas e o estado de conservación dos restos unha vez realizada e determinada a descrición e vista a evolución construtiva.

Realizado o diagnóstico dos restos prodúcese a intervención de consolidación e restauración na que se realizaron principalmente os seguintes traballos: eliminación da vexetación, restitución de lagoas nos paramentos perdidos ou danados, recalzado na base de los muros, proceso de anastilose, recrecido estrutural, recrecido secuencial, localización e substitución das restauracións antigas, reposición de elementos perdidos e acondicionamento de interiores.

As intervencións realizadas no castro de Viladonga nos anos 2018-2020, promovidas e financiadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través dos Fondos Feder e desenvolvidas pola empresa Terra Arqueos, tiveron como principal obxectivo a conservación dos restos do xacemento, que é BIC dende o ano 2009. A participación dun equipo interdisciplinar permite manter o equilibrio entre as diferentes disciplinas sen perder de vista que o importante é a investigación da que depende despois a divulgación dos resultados, xunto coas necesidades de conservación. O aspecto final dos restos do xacemento é importante, xa que é o que permite ós visitantes interpretar correctamente a información transmitida polos arqueólogos.

As campañas centráronse en dous espazos: por unha parte á gabia de sondaxe aberta nos anos 80 no exterior da croa, co propósito de caracterizar e restituír os elementos defensivos e por outra os elementos sitos ó NE da croa, como eran a gran estancia alongada e a estrutura que claramente se definiu como alxibe.

Paralelo ós traballos nas zonas principais de actuación, levouse a cabo o acondicionamento de varios sectores. Na zona AE5 acondicionouse a parte superior da muralla, cunha superficie de actuación de máis de 100 metros lineais, de cara a mellorar o paso pola zona da muralla e a rampla de acceso oeste. Na zona AE3, no camiño da entrada á croa, retirouse a grava existente e colocouse un novo pavimento máis acorde cos restos arqueolóxicos.

Os elementos defensivos.

En 1989 realizouse unha gran gabia ou corte transversal ás murallas e fosos do lado leste partindo desde o interior da mesma croa, co fin de comprobar a estrutura e disposición do sistema defensivo do castro.

Despois desta primeira intervención leváronse a cabo neste sector rozas para o seu mantemento pero o paso do tempo e as deposicións de terras cara á sondaxe provocaron o mal estado xeral dos restos exhumados. Por este motivo nesta campaña planeouse limpar, reconstruír o parapeto e volver perfilar os cortes para mellorar o estado de conservación de todo o sector exterior.

Despois da roza comezou o acondicionamento dos perfís para eliminar o problema da deposición de terra. O perfil fíxose cunha lixeira inclinación cara ó interior, o que permite unha mellor conservación xa que desta forma as deposicións de terra son menores. Así mesmo, retiráronse os sedimentos e recheos caídos nos fosos, produto do paso do tempo. Os fosos descubertos son parte da topografía e arquitectura defensiva do xacemento e, en consecuencia, quedaron visibles e visitables despois da súa escavación e limpeza.

Os traballos en S1 e S3 foron complicados xa que o acceso para encher os parapetos foi dificultoso, de xeito que a actuación se fixo principalmente de forma manual. En calquera caso, realizáronse os recheos na muralla principal e no oeste dos parapetos da S2 e da S3. Na primeira muralla ou defensa (S1) repúxose o terreo, de xeito que o aspecto do parapeto é agora similar ó orixinal. A zona escavada ó pé da cara interior da muralla, despois da súa limpeza, cubriuse tamén con deposición de terra para evitar o aspecto de zona sobre-escavada que tiña ata agora e mellorar a comprensión dos visitantes. Polo lado leste, o muro do segundo parapeto cae cara ó segundo foso varios metros, facendo un profundo corte en forma de “U”. A cara interior deste parapeto leste constrúese a favor de fachada de xeito moi coidadoso, a base de sucesivos chanzos que se ven no tramo acondicionado de case 9 metros.

Por último, despois do segundo foso do castro escavado na rocha (S3), atopamos o terceiro parapeto construído por encima dos afloramentos da parede do foso. Ten menor altura que o segundo parapeto. Neste caso repúxose o terceiro parapeto que fora escavado e tamén se realizou a limpeza do foso e o re-perfilado do sector escavado para documentar despois as estruturas arqueolóxicas nunha área de 6 x 2 metros. Como complemento dos traballos de limpeza, re-escavación, re-perfilado, documentación e restauración das estruturas atopadas, instaláronse unhas barreiras de madeira no lado sur do segundo foso e na zona escavada do “torreón” para sinalizar os recintos e crear unha liña disuasoria de seguridade. Nestas barreiras colocouse, ademais, un sinal coa explicación das principais características que ten o sistema defensivo do castro de Viladonga.

Traballos realizados no Espazo 14 ó interior da croa

A zona definida como Sector 14 é a que maior superficie abarca nesta intervención, cun total de 1.100 m2. A limpeza manual dos restos, a retirada de elementos de restauracións antigos e a re-escavación foron traballos que tiveron que empregarse para determinar o estado exacto de conservación. Neste amplo sector dividimos a intervención en varios espazos para facilitar o rexistro. Os máis importantes de cara á descrición dos traballos realizados son o E50 (que se refire á gran casa alongada), o E89, que se corresponde co alxibe e a nova vivenda circular, denominada E100.

Ademais destes espazos principais, no interior da croa, no espazo 14, atopáronse restos de varias estruturas moi deterioradas e inconexas nalgúns puntos, as 84, 85, 86, 87 e 88. A pesar dos labores intensos de limpeza e re-escavación, que intentaron localizar algún resto que nos permitise un maior grao de restauración, a intervención nestas estruturas deixou claro que o espazo interior se atopaba sobre-escavado ata a rocha sen posibilidade de conseguir maior información arqueolóxica. De cara á restauración supón a necesidade dun maior fornecemento de recheo en todo o sector para corrixir a sobre-escavación

Espazo E89

A posibilidade de recuperar o muro para o perfil neste sector norte pretendía mellorar todo este corte do terreo de gran potencia. Tras varios derrubes sucesivos do perfil, asumiuse que era necesario trasladar o perfilado á liña de muralla para que servise esta de “muro de contención” do propio recheo existente no paseo de rolda. Non era difícil albiscar que a estrutura que se estaba a re-escavar non se correspondía tipolóxica nin estruturalmente con ningunha outra construción existente en todo o castro e que parte do perímetro do alxibe tiña caído tras a escavación previa dos anos 70. Unha vez que se terminaron os derrubes, conseguiuse delimitar a zona de actuación, esta vez de forma segura para a conservación dos propios restos e para o visitante.

Intervención en E50

O obxectivo principal da intervención neste sector era analizar desde un punto de vista arqueolóxico e construtivo a planta da estancia E50. Retirouse o superficial para observar nalgún sector as acumulacións de gravas, plásticos, tubos e xeotéxtil que delataban, efectivamente, que os depósitos existentes non ían superar a decena de anos. Tras a eliminación do material sobrante iniciouse a escavación manual raspando toda a superficie, xa que era a única maneira de poder localizar algún mínimo resto de nivel de habitación que se deixara trala escavación arqueolóxica e que dera por amortizados os estratos existentes.

Despois da re-escavación, o rexistro e a documentación arqueolóxica das estruturas, procedeuse á súa restauración e finalmente a unha derradeira fase de acondicionamento dos espazos, incluíndo o recheo das zonas sobre-escavadas. A restauración realizouse con morteiros hidrófugos e separando o engadido do orixinal con seixos de pequeno tamaño. Os parapetos e recheos de muros realizáronse con terra da zona sobre pedra de lousa, colocada en seco, para suxeitar a estrutura.

Situación

  • Viladonga, 27259 - Castro de Rei (Lugo)
    Galicia, España
    N 43º 09' 38.97" W 7º 23' 19.32"
  • 982 870 160
  • museo.viladonga@xunta.gal

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional